Ir o contido

Narración oral

Astrolabios

Sinopse

“Astrolabio” é unha palabra que vén do grego e que significa “buscador de estrelas”. É un aparello que se inventou no século II a. C. Porque a curiosidade polo firmamento comezou na Humanidade nin se sabe cando!

Nesta sesión de contos para público familiar a partir de 5 anos, imos facer un percorrido para coñecer as estrelas dende as diferentes culturas, mitos e lendas da Terra.

Grazas a elas saberemos onde queda o norte, tamén o Ecuador, cal é a estrela máis brillante do ceo, aprenderemos sobre algún planeta, veremos o lado feminino do universo a través de antigas deusas. Entenderemos as fases da lúa, como se forman os eclipses e que a Vía Láctea é en realidade o camiño das estrelas.

Para contar estas historias, atravesaremos o deserto de Namibia, os pobos maia e azteca, viaxaremos ata os aborixes australianos, ata os indios americanos, pasaremos por Arabia, polo antigo Exipto, polos nosos celtas, cruzaremos a China ata a tribo dos Batammalibas, en África. É dicir, daremos a volta ao mundo para coñecer parte do ceo!

Sempre que sexa posible, levaremos a cabo unha sesión-acampada, para facer da intemperie o noso observatorio, un planetario que temos a diario. En círculo, sobre mantiñas, co amparo dos astros. Se o clima non deixa, acamparemos dentro e viviremos a emoción do descubrimento do ceo de igual e intenso xeito. Unha hora de duración que terá en nós efecto cósmico.

Vídeo